Mulleres na Ciencia e nas STEM

O 11 de Febreiro, día da Muller e Nena na Ciencia, participamos nunha iniciativa a nivel estatal 11defebrero.org, impartindo charlas para dar visibilidade ás mulleres no eido da Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (o que se coñece coma STEM, polas súas siglas en inglés).

Preparando as charlas que demos no IES de Chapela en Redondela (Pontevedra), pensamos que un xeito de que as nenas e nenos se sentisen identificadas con mulleres no ámbito das STEM, era buscar exemplos próximos. Comezamos a preguntar a amigas, compañeiras de profesión, familiares… Non queriamos deixarnos a ningunha. E era difícil, porque, a quen pos de exemplo? Así que, decidimos que o mellor era mostralas mediante un mapa interactivo que as situase.

E así naceu o noso visor MULLERES GALEGAS  NAS  STEM. Nel incluímos lugar de nacemento, estudos, lugar e campo de traballo. Nun futuro, incluiremos tamén unha breve reseña do traballo desenvolto por cada unha destas compañeiras. De momento tiramos de coñecidas, pero encantaríanos que se puidese difundir para que outras mulleres poidan aparecer no mapa.

Seguindo coas actividades de Marzo Muller, volveremos realizar a charla, o martes 12 de marzo ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Redondela. Animamos a todas as persoas a vir, pero sobre todo ao persoal docente, que pode empregar esta ferramenta para fomentar a vocación científica e tecnolóxica das súas alumnas, así como espertar actitudes de respecto nos alumnos cara futuras compañeiras de profesión. E por suposto, aínda que sabemos que a hora non é a máis axeitada, a todas as futuras científicas,  tecnólogas, enxeñeiras, arquitectas…

Agardámosvos!!

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *