Ciencia e Tecnoloxía

Ilustración de Natalia Fernández

Na cienca e na tecnoloxía, coma noutros ámbitos profesionais, a muller foi invisibilizada ao longo da historia e, en moitos casos, os seus traballos usurpados e atribuídos a homes. Poucas mulleres científicas ou do ámbito das STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) foron visibilizadas na educación das nosas nenas e nenos. Marie Curie, é unha desas “rara avis”  que moitas de nós recordamos estudar na nosa infancia.

Afortunadamente, son moitas as iniciativas que recentemente se están a levar a cabo por distintas organizacións e institucións para amosar os numerosos logros das mulleres no ámbito científico: (pendiente ampliación)

  • Asociación de mujeres investigadoras y tecnólogas (AMIT): Organización non gobernamental e sen ánimo de lucro, de ámbito estatal, integrada por investigadoras e tecnólogas de variadas disciplinas que desenvolven o seu labor investigador, tecnolóxica, ou de xestión da ciencia en organismos e centros de investigación do estado públicos e privados. Pretenden ser voz, foro de discusión e rede de apoio para todas as investigadoras e universitarias concienciadas en traballar xuntas para lograr a plena participación das mulleres na Investigación, a Ciencia e a Tecnoloxía
  • 11 de Febrero: Esta iniciativa pretende fomentar a organización de actividades e materiais que conmemoren o día Internacional da Muller e a nena en Ciencia en España. O seu obxectivo é contribuír a pechar a brecha de xénero que actualmente existe no ámbito científico.
  • Oceánicas, a muller e a oceanografía: É un proxecto do Instituto Español de Oceanografía (IEO) que ten como obxectivo divulgar o traballo de científicas dedicadas ao estudo dos océanos, tanto actuais como do pasado, dar a coñecer a súa vida e obra, tratando así de xerar vocacións científicas en nenas e nenos, fomentar a súa creatividade, a súa capacidade de decisión e o trato igualitario fronte ás desigualdades de xénero desde idades temperás
  • Gals Tech: Grupo dirixido a todas as mulleres que estean a traballar ou desexen iniciar unha carreira no mundo tecnolóxico, ou simplemente que lles interese a tecnoloxía en Galicia.

As mulleres que se visibilizan son mulleres de éxito, con expedientes académicos brillantes, mulleres sen dúbida excepcionais. Con todo, nós queremos ir máis aló. Queremos visibilizar outras mulleres que tamén poden ser referentes para moitas nenas e nenos. Programadoras, tecnólogas, enxeñeiras, farmacéuticas, e todas as traballadoras con formación en ciencias ou tecnoloxía. Porque ás veces, esas mulleres superheroínas quédannos moi lonxe, e pode ser que as nenas non se identifiquen. Nós queremos mostrar ás crianzas mulleres próximas, científicas de andar por casa.

Por todo isto, na Asemblea Feminista Paxaretas, como aportación para visbilizar o traballo das mulleres galegas nas STEM, estamos a crear un mapa interactivo onde amosamos información sobre as nosas mulleres, de cada unha de nós. Neste mapa incluiremos información diversa (nacemento, estudos, lugar e campo de traballo,…) para que as nenas con vocación científica vexan que non hai límites de xénero, nin de orixe, que tódolos ámbitos científicos poden ser exercidos por mulleres e que todas nós somos valiosas para a sociedade. Este visor mostrarase nas charlas de divulgación que levemos a cabo sobre ciencia e tecnoloxía (por exemplo, o día da Muller e da Nena na ciencia do 11 de Febreiro), e estará dispoñible na nosa web para o seu uso por docentes ou por calqueira persoa que desexe dar visibilidade ás nosas mulleres STEM.

Para poder ampliar esta ferramenta, precisamos a vosa colaboración. Se es galega, desenvolves a túa actividade laboral neste eido, tanto dentro coma fóra de Galicia, e queres participar, podes facelo a través deste formulario. E se tes una compañeira, amiga ou familiar programadora, enxeñeira, científica, tecnóloga ou con formación nas STEM, agradecemos a súa difusión para visibilizarnos a todas.