Dicía a escritora norteamericana Susan Sontag (Nova Iork, 1933) nun dos seus textos que ‘fotografar é conferir importancia’. Ao longo da historia da fotografía, a muller foi empregada en numerosas ocasións coma obxecto pictórico por diferentes profesionais da mirada, pero máis alá de serlle adxudicado un rol pasivo, as mulleres amósanse en innumerables ocasións coma o rostro da loita e do sufrimento humano ante diferentes circunstancias, ademais de ocupar un papel relevante coma suxeito activo á hora de empuñar a cámara fotográfica. A modo de exemplo, coido que todas e todos recoñecemos a famosa imaxe de Dorothea Lange, considerada o maior talento da fotografía documental do século XX, coa que convertiu a Florence Owens Thompson, nai de sete fillos que enfrontaba a pobreza nun campamento provisional de California, no rostro da Gran Depresión dos EE.UU. É por isto que, neste bloque temático, queremos dar visibilidade a todas esas olladas femininas que son quen de captar fragmentos da realidade nunha instantánea para dotala posteriormente de infinitos significados ligados á imaxinación de cadaquén.

