Arte

Ilustración de Natalia Fernández

As mulleres artistas foron innumerables ao longo da historia, pero a gran maioría delas non foron recoñecidas nin valoradas como tales. Moitísimas pinturas realizadas por mulleres foron inicialmente atribuídas a varóns (aos seus pais, maridos ou mestres, entre outros), o cal indica que ambos teñen talento para adicarse ás artes plásticas, mais no momento no que se verifica que a autora é una muller, inmediatamente baixa o valor económico e simbólico da obra. Non foi ata a metade do século XX que as mulleres tiveron acceso libre ás escolas de pintura, permiso para participar en exposicións e certames ou copiar a modelos espidos ao natural, pero os prexuízos continuaban: as escolas de arte están xestionadas por homes, os críticos de renome son homes e os xurados dos concursos están integrados exclusivamente por homes. Só a partir dos anos 70, coa consolidación do movemento feminista e a loita polos dereitos da muller, se comezan a realizar estudos que van sacando das sombras ás artistas de todos os tempos. Como mostra destas reivindicacións, cómpre sinalar a realizada en 1989 en Nova Iork polo grupo de activistas feministas Guerrilla Girls con carteis onde se lía: “Teñen que estar espidas as mulleres para entrar no Metropolitan Museum? Menos do 5% dos artistas da Sección de Arte Moderno son mulleres, pero o 85% dos espidos son femeninos”. Como dato, comentar que na actualidade na exposición permanente do Museo Nacional do Prado tan só atopamos expostas 6 obras asinadas por mulleres.