Educar no feminismo

Un dos obxectivos cos que partiu a Asemblea Feminista Paxaretas nos seus comezos foi o achegamento do feminismo ás mozas e mozos da nosa contorna.

Xa antes do histórico 8M deste ano, mestras do CEIP de Reboreda e do CEIP de Redondela puxéronse en contacto con nós para ofrecer ás súas alumnas e alumnos a perspectiva feminista da asemblea, e cunha proposta moi concreta: analizar o feminismo cunha comparativa xeracional pedindo a colaboración dunha muller que participase en Xanela e unha muller que participase en Paxaretas.

A primeira parada foi o CEIP de Reboreda. O traballo previo realizado polas mestras deste centro educativo tivo os seus froitos na xornada, cargada de preguntas e dúbidas en torno ao feminismo. Cuestións como analizar a necesidade de crear unha asemblea feminista na nosa vila, a participación de homes na asemblea, o uso do idioma masculino como “forma neutra” no noso idioma, diferenciar o feminismo liberal do radical (do que partimos como base da nosa ideoloxía), aclarar o uso de determinados conceptos como violencia de xénero, violencia machista ou violencia doméstica, foron as protagonistas da xornada.

Tamén falamos de paridade, do teito de cristal, do patriarcado, do capitalismo como xerador de desigualdade, de estereotipos de xénero e de igualdade. Temas de grande interese para as crianzas coas que tivemos o pracer de compartir o noso tempo, e temas dos que xa algo sabían.

Foi unha mañá de compartir coñecementos, reflexións, puntos de vista e de intercambio xeracional, rompendo as barreiras da idade e aprendendo de ambas partes.

A importancia de desenvolver un pensamento crítico, de seren capaces de analizar a situación social ou a situación familiar que viven, de chegar ás súas propias conclusións ou de saber reivindicar os seus dereitos forma parte da educación feminista da que somos parte.

En palabras da escritora Iria Marañón, “na sociedade actual na que vivimos, é necesaria unha conciencia feminista global e unha educación en consecuencia, para que as crianzas que formamos neste momento sexan impulsoras do cambio de mañá”

Dende Paxaretas sabemos que se as mozas e mozos poñen as lentes lilás, xa nunca poderán volver a sacalas.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *