Eu fago folga, e ti?

Seguramente moitas de nós acudiremos a internet para informarnos sobre a folga do 8 de marzo. Paro ou folga? E que pasa se non traballo? Que é iso de folga de coidados e de consumo? Algunhas persoas non lle atopan sentido. Só de mulleres? Por que non homes? Dende a Asemblea Feminista Paxaretas, queremos esclarecer algunhas das dúbidas, para todas aquelas persoas que estean indecisas sobre como actuar.

Folga ou paro?

Sabemos que non ten demasiado sentido que haxa dous tipos de convocatorias. Para variar, os sindicatos non se poñen de acordo, e por iso existen estas dúas opcións. Os sindicatos CXT, CNT e CIG apoian a folga de 24 horas, mentres que outros, como CCOO e UXT, apoian paros parciais de 2 horas en quendas de mañá e tarde, para poder acudir ás manifestacións. Tamén se convocou folga de educación 24 horas por parte de CCOO. Pero para nós, isto é un despropósito. Cremos firmemente que para demostrar que se nós paramos, para o mundo, e reclamar que non deixen de lado a máis da metade da poboación, debemos ser máis drásticas, e facer unha folga total, de 24 horas. Para manifestarnos, para reunirnos, para organizarnos e para seguir loitando.
Moitas persoas pensan que se o sindicato no que están afiliadas non convoca a folga de 24 horas non podería facela, pero isto non é así. No momento que se convoca formalmente unha folga xeral de 24 horas ante o ministerio de emprego, por polo menos un sindicato, a folga está apoiada pola lei en todo o territorio do estado español.

Só de mulleres?

Esta non é unha folga laboral ao uso. É algo máis. Queremos amosar a importancia do noso traballo na sociedade, e para iso, somos nós as que debemos parar. Moitas persoas critican que non é unha folga legal, que non se pode discriminar aos homes e non convocalos. Por suposto, os sindicatos convocan unha folga xeral para toda a poboación, porque así o dita a lei, e por suposto non podemos impedir que os homes a secunden. Queremos levar as rendas da nosa propia protesta, visibilizar a importancia da nosa participación na sociedade. Outros homes din que eles queren apoiar e non atenden a razóns cando lles explicamos que non a secunden. Por favor, deixade de mostrarvos desconformes, e de criticar a nosa maneira de actuar. A decisión está tomada, e así o imos facer. Se de verdade queredes apoiarnos, facédeo o resto dos días do ano. Non imos aceptar sermóns paternalistas dicíndonos o que temos que facer (por se alguén non o sabe, iso é mansplaining).

Que é iso da folga de coidados ou folga de consumo?

Pensades que o noso esforzo só se ve representado na actividade laboral? Evidentemente non. Moitas de nós non traballamos, pero pasamos o día coidando da nosa familia, asumindo a planificación e organización, unhas cargas de traballo que non nos corresponden só a nós. Moitas traballamos de xeito gratuíto, nas nosas casas, coidando persoas dependentes, porque dase por feito que está na nosa “xenética” ocuparnos dos coidados. Estamos a asumir a maior parte do peso da ausencia de políticas sociais que realmente cubran as necesidades da poboación. E poderiamos seguir, este post non sería suficiente. Por estes e moitos outros motivos, tamén debemos facer folga de coidados. De novo somos un dos grandes alicerces da sociedade. E en canto ao consumo? Somos unha sociedade consumista, temos que recoñecelo. Deberiamos cambiar moitas cousas, pero tampouco nos dá neste post para facer un chamamento en contra do capitalismo que nos oprime (aínda que nos encantaría). Para variar, o consumismo tamén se ceba connosco en miles de aspectos: por como nos cousifican para obter beneficio, e de como nos está pasando factura; porque parece que ser muller é un luxo, aplicando IVE do 21% a produtos de primeira necesidade; ou a presión que temos sobre os nosos corpos, impoñéndonos modelos estéticos imposibles, que minguan a nosa autoestima, e que nos escravizan cada vez máis. Así que, unha forma de protestar ante esta opresión, é non consumir nada ese día. Ademais, desta forma, tamén poderás facilitar que outras mulleres poidan secundar a folga.

Tamén se convoca unha folga estudantil, para protestar contra a perpetuación dos roles de xénero na educación, da masculinización de certas carreiras profesionais, da invisibilización histórica da muller na programación das materias, e un longo etcétera. Motivos hai mil (xa o din as nosas compañeiras na súa campaña por todo o estado español). Se queredes máis información dos motivos desta folga e de como secundala, as nosas compañeiras de galegas 8 M explícano ben clariño na súa web.

Por que é tan importante?

Esta é unha folga que traspasa fronteiras, polo que o compromiso é maior. Nesta web, feita por compañeiras italianas, podedes ver moitos dos lugares onde levarán a cabo, tanto a folga como mobilizacións (mapa colaborativo, creado por todas nós).

Parécenos importante pola situación que está a sufrir o estado Español. Polo “rexurdir” da dereita máis extrema (aínda que, en realidade, sempre estivo aí), aproveitando o descontento da poboación, clamando ao populismo do machismo máis rancio. Polo intento do liberalismo por vender que o uso dos nosos corpos para un ben económico é liberador (será para o capital, pero non para nós).

Están aproveitando todas as excusas posibles para oprimirnos máis aínda. Nesta época convulsa, recordamos a célebre frase da nosa compañeira Simone de Beauvoir: Non esquezades xamais que bastará unha crise política, económica ou relixiosa para que os dereitos das mulleres volvan ser cuestionados. Estes dereitos nunca se dan por adquiridos, debedes permanecer vixiantes toda a vosa vida. Non se pode dicir máis claro.

E en Paxaretas, que ides facer?

Nós queremos aportar o noso gran de area para facervos chegar a todas as persoas as nosas reivindicacións. Por iso, durante o próximo mes de marzo, organizamos unha serie de accións en Redondela. Agardamos vervos nelas!

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *