Política municipal e feminismo

O vindeiro domingo 26 de maio terán lugar as eleccións municipais no noso Concello; as primeiras dende o nacemento da Asemblea Feminista Paxaretas. Con intención de informar ás veciñas e veciños de Redondela das medidas e políticas relativas ao feminismo de cada un dos partidos que se presentan, solicitamos a estes que nos remitiran o seu programa electoral para poder levar a cabo unha análise dos mesmos.

Todos os partidos, salvo Partido Popular e Cuidadanos, enviaron documentación sobre as políticas de igualdade do seu programa; ademais disto, tamén foi consultada a súa propaganda electoral e información publicada nas redes sociais.

Dada a complexidade de análise de todos os programas, fixemos unha pequena táboa cos principais puntos que dende a Asemblea Feminista Paxaretas cremos se deben ter en conta na política redondelá. Existen temas de gran relevancia que non aparecen na avaliación, como é o caso da abolición da prostitución, os ventres de aluguer ou o aborto, posto que, aínda que somos conscientes da gran importancia que teñen na nosa loita, entendemos que son posicionamentos xerais dos partidos políticos e non sería competencia do goberno municipal. Aínda así, agardamos que nun futuro os partidos políticos se posicionen abertamente neste temas.

A continuación, facemos unha breve explicación do que se incluiría en cada punto:

  1. TRANSVERSALIDADE: Analizamos ata que punto o feminismo está representado de xeito transversal en todas as políticas do partido.
  2. LINGUAXE: Revisamos que exista un compromiso de uso da linguaxe inclusiva (e sexa empregado no programa), así como o uso de linguaxe feminista, incluíndo termos como patriarcado ou violencia machista, en lugar de outros termos edulcorados, amosando así o seu compromiso e implicación.
  3. MEDIDAS PREVENTIVAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA: Revisamos que existan medidas concretas de cara a prevención da violencia machista, como por exemplo, a educación no feminismo das crianzas, da xuventude e na idade adulta.
  4. MEDIDAS DE ACTUACIÓN CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA: Confirmamos se hai propostas medidas concretas de reacción fronte a unha agresión machista, como a formación de profesionais do concello, mellora das infraestruturas para a protección das vítimas, creación e/ou formación dun equipo específico, emerxencia social destinada á violencia machista, etc.
  5. CONCILIACIÓN: Avaliamos as medidas específicas de cara á conciliación da vida familiar e laboral e potenciación da corresponsabilidade.
  6. EDUCACIÓN AFECTIVO SEXUAL:  Consultamos se existen propostas de traballo para a educación na diversidade, na identidade sexual, na identidade de xénero e na orientación sexual, así como medidas e espazos para o colectivo LGTBI e contra da LGTBIfobia.
  7. DEPORTE: Revisamos que existan medidas de potenciación do deporte feminino en Redondela.
  8. CONCELLARÍA DE IGUALDADE: Consultamos se existe unha proposta para a creación dunha concellaría propia para igualdade, responsable das accións descritas previamente.
  9. CENTRADO EN REDONDELA: Avaliamos se as políticas referidas nos apartados anteriores son políticas específicas tendo en conta a realidade do Concello de Redondela

Esta táboa resumo é unha simplificación de toda a información consultada, e por suposto poderíamos afondar máis en cada unha das temáticas e dos programas. Por isto, recomendamos sempre á cidadanía consultar os programas, para un maior coñecemento das políticas e proxectos de cada unha das forzas políticas. Por outra banda, somos conscientes de que no periodo electoral todo son boas propostas, pero que, tras as eleccións, en moitos casos non chegan a ningures. Por iso, dende a Asemblea Feminista Paxaretas, seguiremos loitando e reclamando unha vila máis feminista, sexan cales sexan as novas cores no Concello. Porque cremos que dende o municipalismo e o feminismo, podemos facer unha sociedade mellor.

Agardámosvos a todas e todos nas urnas…

  E LEMBRA, VOTA FEMINISTA!

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *