Quen somos?

Somos unha asemblea onde as mulleres nos escoitamos, debatemos e tomamos decisións coa intención de mudar as cousas. É unha asemblea aberta formada por mulleres con diferentes realidades pero ás que nos une unha causa en común: a loita contra o heteropatriarcado e a busca dunha sociedade igualitaria, máis xusta e feminista.

Por que nacemos?

Porque entendemos que organizándonos en espazos xestionados por nós mesmas podemos buscar alternativas, loitar e denunciar as situacións tanto cotiás como a outros niveis co obxectivo de cambiar a realidade que tanto nos agrede polo feito de ser mulleres.

Para que serve esta asamblea feminista?

Para poder organizarnos, escoitarnos, coidarnos, pasar á acción e loitar polo que cremos necesario, defendendo os nosos dereitos e o que cremos que é necesario e xusto para loitar contra o sistema patriarcal.

Por que participar?

Se es muller e te sentes agredida polo heteropatriarcado, se pensas que hai cousas que como mulleres temos que defender e mudar, se cres que debemos posicionarnos como colectivo ante este sistema que nos oprime, nos xulga, nos limita, nos agrede e nos asasina.

Que facemos?

Aínda que somos unha asemblea de recente creación, as Paxaretas temos feitas numerosas accións na vila: dende organización de concentracións (polo rexeitamento da violencia machista ou participación activa no 8M, etc.) ou accións políticas (mocións ao Concello) a actividades artísticas e culturais reivindicativas (homenaxe a Rosalía, ArteLixo Festival de Títeres,…). Gústanos a creatividade, e tódalas ideas de cara a manifestar a nosa loita son benvidas.