Premio Ernestina Otero

O pasado 15 de novembro foi un día moi especial para todas nós. Tras moitos meses de traballo, case xa dous anos de vida da Asemblea, un dos nosos principais propósitos foi finalmente levado a cabo: Visibilizar ás mulleres do noso pobo, que no seu día a día, tamén loitan por erradicar o machismo das nosas vidas. E que mellor maneira de facelo que da man de Ernestina Otero, unha pedagoga pioneira da nosa vila que defendeu co seu traballo a coeducación e os dereitos da muller.

A principal idea destes premios era a participación cidadá. Desexabamos que cada galardón fora de todas e de todos e que, aínda que partira de nós, chegara de cada recuncho das nosas parroquias, da nosa vila. E así o fixemos. Puxémonos en contacto coa familia de Ernestina, que con moito agarimo axudounos a preparar as bases e lanzar a convocatoria.

Inicialmente a proposta non acadou as expectativas desexadas. Por iso decidimos nun primeiro momento agardar e facer unha ampliación dos prazos de participación. Porque as veces, para facer ben as cousas, hai que ter un pouco de paciencia. Queriamos poñer á nosa compañeira Ernestina e ás mulleres premiadas no lugar que se merecen, que todo o pobo fose partícipe da nosa ilusión por amosar o esforzo destas mulleres. E se tiñamos que agardar, agardaríamos.

Sempre que organizamos algún evento, sufrimos nervios e preocupación por que todo saia ben, de ver que a xente responde, de que o que estamos a facer chegue á veciñanza. E neste caso,
levabamos moitos meses argallando esta actividade, era moi especial para nós. E tras a espera, e a preparación, e o traballo, e os nervios, e tras tentar ter todo atado malia ter que compatibilizar o traballo de Paxaretas cos nosos traballos, todos os nosos esforzos foron recompensados. Todo grazas a vós.

Non podemos de deixar de dar as grazas. Grazas á familia de Ernestina por acoller con tanta ilusión a nosa proposta de premio. Grazas a todas as persoas que achegaron as súas propostas. Con elas, estamos seguras de que todas e todos aprendemos máis sobre o noso pobo e as nosas veciñas. Grazas ás premiadas e as súas familias, por amosar o orgullo de recibir este premio. Nunca imaxinamos que chegaríavos tan dentro, foi realmente emotivo. E grazas e mil grazas a todas e todos vós, que nos arroupastes neste acto, a todas e todos os que nos seguen nas redes, que asisten ás nosas concentracións, que anímannos no día a día para seguir traballando e compartir esta loita. E por suposto, temos que dar tamén as grazas ás compañeiras de Paxaretas que levaron o peso da organización deste premio, sabendo todo o que iso supoñía.

Estamos máis que satisfeitas do traballo, e estamos seguras de que na próxima edición serán moitas máis as iniciativas que nos faredes chegar. Este premio, ver o voso apoio, foi un gran aporte de enerxía para seguir traballando nos próximos meses.

Vémonos nas rúas !!

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *