Por nós, por elas!

Se xa de por si é unha evidencia frustrante –e debería ser motivo máis que suficiente para votar- que actualmente haxa certos partidos fascistas que intentan quitarnos a voz, imaxina como sería vivir unha realidade na que o noso dereito a votar fora arrebatado polo patriarcado.

É por iso, que che vou pedir que votes, que votes este 28 de abril; polas sufraxistas, mulleres
bravas que loitaron por un futuro que agora nós podemos desfrutar. Algunhas delas, como
Emily Davinson –considerada por algunhas a primeira mártir polo sufraxio feminino-, morreron antes de ver gañada a batalla. Vota por facerlle xustiza á historia de mulleres que non puideron votar ata 1931 en España, interrompido por un longo período de dictadura, e polas mulleres as que finalmente se lles permitiu o sufraxio moito máis tarde noutros países, algúns aínda con restricións e outros, como o Vaticano, coa flagrante prohibición.

Exerce o teu dereito, porque con esa papeleta e a túa mirada feminista estaraslle dando as grazas ás xeracións de mulleres que nos preceden e lles dás a man ás xeracións de mulleres libres que agardamos, dando sentido á palabra sororidade.

Dende a Asemblea Feminista Paxaretas convidamos a que as mulleres fagan unha reflexión sobre a importante tarefa que temos nas urnas o vindeiro 28 abril. Aínda que habería moitas máis, a continuación explicitamos 28 razóns polas que temos que ir a votar, para que os nosos dereitos non se vexan vulnerados polas políticas machistas de certos partidos políticos.

  1. Por unha educación pública, laica universal e feminista, compensadora de desigualdades.
  2. Porque votar é un dereito que custou que nos recoñeceran non fai tanto tempo na historia.
  3. Porque debemos castigar nas urnas aos que atentan contra os nosos dereitos e a nosa dignidade como mulleres coas súas políticas.
  4. Porque somos máis da metade da poboación e debemos escoller quen queremos que nos represente.
  5. Para evitar que se utilicen as necesidades das mulleres migrantes para resolver problemas demográficos do Estado.
  6. Porque calquera agresión a unha muller polo feito de ser muller, se recoñeza como violencia de xénero.
  7. Porque a prostitución debe ser abolida.
  8. Pola protección integral das mulleres migrantes vítimas de violencia de xénero e trata.
  9. Por manter e mellorar o noso dereito a abortar.
  10. Para que os ventres de aluguer sigan sendo unha práctica ilegal e non se regularice.
  11. Para derogar a actual reforma laboral.
  12. Para que deixemos de cobrar un 23% menos que os homes.
  13. Para que se deixen de privatizar servizos e recursos de atención socio-sanitaria.
  14. Para que as condicións da Lei de Dependencia para as persoas coidadoras sexan xustas e se fagan extensibles ás familias que as precisen.
  15. Para non sufrir unha perda dos dereitos consolidados.
  16. Pola equiparación das pensións entre homes e mulleres.
  17. Para prohibir as escolas que segregan por sexos.
  18. Para poder dotar de recursos humanos e económicos a xustiza.
  19. Por desvincular do estado a Igrexa, institución machista que exerce e ampara violencia contra as mulleres, nenas e nenos dende séculos.
  20. Por eliminar a patria potestade dos homes condenados por violencia machista.
  21. Por unha lei de protección de menores, onde os delitos de violación non prescriban.
  22. Por unha educación afectivo-sexual dende idades temperás, que promova a igualdade entre sexos.
  23. Por un sistema de saúde que teña en conta e respecte a realidade das mulleres.
  24. Por unha convivencia entre culturas con perspectiva feminista.
  25. Porque precisamos políticas públicas específicas que loiten contra as situacións de desigualdade e exclusión social.
  26. Por un recoñecemento do deporte feminino a todos os niveis.
  27. Porque no Estado Español se regule o asilo político ás mulleres migrantes vítimas de calquera tipo de violencia.
  28. PARA QUE NON NOS FAGAN RETROCEDER NOS NOSOS DEREITOS COMO MULLERES.

One comment

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *