Os nosos corpos non son nosos

NATALIA FERNÁNDEZ I Segundo un informe de Amnistía Internacional o 1,7 % das e dos bebés nacen con variacións na súa anatomía sexual en España. O persoal sanitario aplica un protocolo médico que recomenda á familia rexistralos cun xénero masculino ou feminino. Sen que teña aínda capacidade de elección, esta crianza é definida como home ou muller, e en moitos casos son intervidos cirurxicamente polos Servizo Público de Saúde para axustar os seus órganos sexuais ou as súas características hormonais ás normas sociais e culturais binarias de xénero, sen que exista un beneficio obxectivo para as persoas afectadas e con importantes consecuencias físicas e mentais. Esta práctica denominada Mutilación Xenital Intersexual, é denunciada por diversos colectivos, considerándoa unha violación dos dereitos humanas dos nenos e nenas.

Este é un clarificador exemplo de que non nos pertencen os nosos corpos cando outras persoas deciden sobre eles. Decidimos sobre a identidade dos demais corpos cando perforamos as orellas das neonatas. Amparadxs baixo esta práctica cultural tan arraigada, non nos decatamos de que impoñemos un sinal identificador de xénero á forza. Nesta sociedade facemos non só que o coidado e protección dos nenos e nenas nos corresponda, senón que tamén exercemos o poder de elección no seu corpo. Coa modificación da aparencia asegúrase unha evidente diferenciación de xéneros, que se fai máis evidente a medida que crece.

Se o razoamento en contra da vestimenta das mulleres islámicas é o seu sometemento a imposicións externas e a hipersexualización das mesmas, sen reflexionar sobre o modelo de beleza na sociedade na que vivimos, o meu consello é dar unha ollada ás alfombras vermellas, onde non se fala coas artistas da súa traxectoria profesional, senón de quen lle vestiu, dos centímetros do seu escote , ou do inaceptable de non levar tacóns. Preguntémonos tamén sobre algo quizais máis próximo a nós, a relación entre trastornos de alimentación nas mulleres ca presenza masiva dun modelo de beleza determinado.

Agora que se achega o Entroido, convídovos a reflexionar sobre unha cuestión: Credes que son arbitrarias as reaccións marcadamente diferenciadas dun home vestido de muller e unha muller vestida de home? Un vestido de noite no primeiro provoca risa, resulta ridículo, mentres que un smoking nunha muller dá unha apariencia elegante,seria ou sensual. Para o patriarcado somos xarróns, recipientes nalgún momento das nosas vidas, pero ao fin e ao cabo, e como diría Simone de Beauvoir: obxetos de trascendencia inmanente. Non señoros, non nos empoderan os tacóns, nin a silicona, nin enxendrar para outras persoas, empodéranos recuperar a liberdade total sobre os nosos corpos.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *