“NON SOMOS VASILLAS”

OS VENTRES DE ALUGUER OU  MATERNIDADE SUBROGADA

A maternidade é unha capacidade que a natureza nos ofrece, pero que podemos perder por múltiples razóns. A humanidade buscou alternativas á infertilidade, coma a reprodución asistida ou a adopción. E, aínda que desgraciadamente non é algo “novo” (non debemos esquecer todos os bebés roubados no Estado Español nas últimas décadas), agora tentan “normalizar” os ventres de aluguer (maternidade subrogada), un mercado de “produción de bebés segundo a demanda”.

Pero, que son os ventres de aluguer e que implica?

“Baby Vending”. ArteLixo 2019

1) É un negocio.
O desexo de ter un bebé tornouse un privilexio para algúns e algunhas, a través do cal, as mulleres novas (a maioría en situación de vulnerabilidade social e económica) poden ser entregadas ao mercado laboral. E ese desexo de algúns e algunhas acaba converténdose nun consumo narcisista no que as criaturas son produtos comerciais, son mercadoría pura. Isto non ten outro nome que compra-venda de bebés; é unha nova forma de trata de seres humanos, pero como é ilegal comercializar cos seres humanos fálase de “xestación subrogada”; que en realidade é alugar o corpo dunha muller a cambio de cartos, aproveitándose das súas necesidades; por suposto, como calquera negocio de compra-venda de obxectos, se os bebés non están en “bo estado”, serán devoltos por “anomalías”.

2) Aínda que se está disfrazando de “altruísmo, xenerosidade e consentimento” por parte das mulleres xestantes, que non nos enganen. Esta práctica  mercantiliza e cousifica (reducir á condición de cousa) os corpos das mulleres; é pura “explotación reprodutiva”, que é o máximo grao de violencia obstétrica e unha violación absoluta dos dereitos humanos.

3) Tamén se deben ter en conta as consecuencias psicolóxicas que pode causar a maternidade subrogada na muller embarazada e no/na bebé. Aínda que é verdade que todo depende das circunstancias en que esta nai se preste a exercer como “forno humano”, hai que ter en conta que, en caso de embarazo, o corpo feminino prepárase, non só fisicamente, senón tamén mental e psicoloxicamente;  o que en caso de perda, abandono, transferencia ou “venda” do/da bebé, pode ter consecuencias graves para ambos/ambas por ter que separarse tras o nacemento.

4) Os avances tecnolóxicos na reprodución e control da fertilidade son convertidos polo patriarcado en instrumentos sofisticados para a explotación das mulleres. Estamos deshumanizándonos. As mulleres non somos máquinas expendedoras de fillos e/ou fillas polo interese dos e das que serán os seus futuros e futuras criadoras.

5) Existe lobby que explota o desexo de ter fillos e fillas de algunhas persoas: Axencias de intermediación, firmas de avogados, laboratorios… Funcionan con total impunidade e teñen un beneficio moi substancial. Incluso hai entidades financeiras con liña de crédito para as familias que queren recorrer a esta práctica.

A regularización dos ventres de aluguer sería unha grande derrota para o feminismo. Por iso, dende a Asemblea Feminista Paxaretas, queremos transmitir que hai moitas voces que están en contra dunha práctica absolutamente prexudicial para os dereitos das mulleres, e pola imaxe que se dá da maternidade, do embarazo, do parto e a cousificación que isto supón, tanto para as xestantes como para as crianzas que están por nacer.

Por todos estes motivos, amosamos o NOSO REXEITAMENTO ABSOLUTO AO USO DOS ÚTEROS DAS MULLERES PARA FINS DE XESTACIÓN PARA AS DEMAIS PERSOAS.
SER NAI OU SER PAI É UN DESEXO, universal e lexítimo, pero NON É UN DEREITO.

“Non somos incubadoras, nin vasillas, nin úteros ou ventres de aluguer: somos mulleres, vidas humanas coas que pretenden crear un novo negocio que poida beneficiar ao máis forte e someter ás máis débiles” (Alicia Miyares)

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *