Coñecemos a Ernestina Otero, mestra e pedagoga redondelá.

Ernestina Otero Sestelo naceu en Redondela en 1890. Realizou os seus estudos primarios na nosa vila e posteriormente cursa a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra (1904-1908). Ao ano seguinte decide marchar a Madrid para ampliar horizontes na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio. Alí toma contacto con xente da Institución Libre Ensinanza, proxecto pedagóxico de ideas progresistas coma, entre outras, o ensino laico e a coeducación .


TARXETA DE IDENTIDADE DO MINISTERIO DE EDUCACIóN DE ERNESTINA OTERO SESTELO.
Fonte: Puga, Manuel: Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga, Sada, Ediciós do Castro, 1992
http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=233

PROMOCIóN 1915, ENTRE O PROFESORADO: ERNESTINA OTERO, FELISA R. SAZ, ISóLITA GONZáLEZ, ROSARIO FONDEVILA E DOLORES GRANGEL.
Fonte: Puga, Manuel: Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga, Sada, Ediciós do Castro, 1992
http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=233

A partir de 1915 ocupa a praza de Pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra, da que será directora algún tempo durante a República; tamén en tempos da República presidirá o Consello Provincial de Primeiro Ensino.


ERNESTINA OTERO (NO CENTRO CON TRAXE CLARO) NO CLAUSTRO DAS ESCOLAS NORMAIS DE PONTEVEDRA (1915-1916).
Fonte: Puga, Manuel: Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga, Sada, Ediciós do Castro, 1992
http://culturagalega.gal/album/detalle.php?id=233

Dende o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional oponse, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas.

Foi impulsora da organización de viaxes culturais a museos, lugares históricos, instalacións industriais e centros de investigación. Puxo en marcha campos agrícolas experimentais, comedores e colonias escolares e prestou especial atención ao fomento da asistencia á escola, para o que contribuíron en boa medida os roupeiros escolares, que nacen en 1920 de forma experimental co obxectivo de favorecer a asistencia ás aulas, ao tempo que contribuían, con roupa e calzado, á mellora da situación económica de moitas familias. Ademais, defendeu a coeducación e os dereitos da muller. 
En 1933 asinou o Manifesto de Intelectuais a favor do Estatuto de autonomía para Galicia. Só outra muller, María Cruz Pérez, asina dito documento.

Co estalido da Guerra Civil, Ernestina, que non renega da súa actuación durante a República, é suspendida de emprego e soldo en novembro de 1936, xunto cuns 60 profesionais máis (grupo no que tamén se atopa Castelao). Ela sobrevive coas aulas particulares, que lle serven, a pesar das constantes multas que se lle impoñen, para manter á súa familia.
Ao rematar a Guerra é revisado o seu expediente, resólvese a anulación da separación definitiva do ensino e é sancionada coa suspensión de emprego e soldo por dous anos, con inhabilitación para cargos directivos e cun desterro á Escola Normal de Ourense, onde exerceu durante dez anos, entre métodos e temarios desenterrados polo franquismo.
A pesar de todo isto, continuou coa súa loita fóra das aulas, axudando ás orfas e orfos da guerra e ás crianzas das presas e presos.

Dende a Asemblea Feminista Paxaretas queremos render o noso pequeno homenaxe a esta gran loitadora redondelá organizando os “Premios Ernestina Otero: loitando pola igualdade”, cos que
queremos recoñecer a mulleres pioneiras e relevantes do concello de Redondela, así como a entidades, asociacións ou colectivos que teñan desenvolvido un labor a prol da igualdade real entre mulleres e homes de Redondela

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *